Santa María do Leboreiro
O Camiño Francés introdúcese en Melide pola aldea de Santa María do Leboreiro. No Códice Calixtino (Codex Calixtinus, século XII) aparece como Campus Leporarius, que significa "monte de lebres". En 1185 o lugar é doado por Fernando II ao mosteiro de Sobrado. Tivo hospital de peregrinos, documentado no século XII, rehabilitado por Vasco de Ulloa no século XV. Actualmente só se conservan do edificio dúas paredes cos escudos dos Ulloa. Diante do antigo hospital, un cabeceiro feito con varas entretecidas lembra os primitivos celeiros para gardar o millo.
A igrexa é gótica, aínda que persisten nela concepcións e motivos ornamentais característicos do Románico. Ten nave rectangular e ábsida circular. Salienta pola súa portada principal, con arco e arquivolta oxivais. No tímpano aparece esculpida en altorrelevo a Virxe, sedente e coroada sostendo o Neno con ambas as mans, que pousa de pé sobre a perna esquerda da mai. A unha e outra beira aparecen esculpidos en baixorrelevo anxos que achegan filacterios e incensarios. Os capiteis das columnas da portada representan basiliscos.
O acceso ao presbiterio faise a través dun arco triunfal de medio punto. No testeiro da nave hai un Agnus Dei, formado por un carneiro e unha cruz acrótera. O aleiro da ábsida está ornamentado por unha serie de canzorros con figuras e cabezas humanas e de animais e no lateral sur temos uns canzorros sinxelos, dous deles decorados con cunchas de vieiras.
No interior da igrexa achamos unha interesante colección de escultura relixiosa de varias épocas e estilos. No muro lateral esquerdo hai unha imaxe da Virxe sedente, co Neno no colo, en madeira policromada, talvez do século XIV. Tamén se conserva un panel de pintura mural realizada no segundo terzo do século XVI, coas representacións da Flaxelación de Xesús, a Visitación de Santa Isabel e o Martirio de San Sebastián. A parede do arco triunfal ten restos pictóricos dun Cristo crucificado.
Deixando O Leboreiro pola antiga calzada romana xa cara a Furelos, atopámonos en Desicabo e sobre o río Seco, unha fermosa ponte medieval dun só arco.