Melide, Cerne de Galicia

Igrexa de Sancti Spiritus

No corazón histórico de Melide está a praza do Convento, que reúne varios edificios monumentais: a igrexa de Sancti Spiritus, a Obra Pía de San Antón e o Museo da Terra de Melide.

A igrexa de Sancti Spiritus pertenceu ao desaparecido mosteiro ou convento da Orde Terceira de San Francisco, fundado no século XIV. É un bo exemplo de continuidade no espazo e no tempo. Da antiga igrexa só fica unha pequena capela lateral, con bóveda e arco triunfal oxivais, chamada capela do Santo Cristo, porque talvez estivo nela o Cristo que hoxe está na capela de San Antón. O arco triunfal está sostido sobre dúas columnas. Só se conserva o capitel da columna da esquerda decorado con fitas. Encaixado nunha parede posterior hai outro capitel que pode ser o da columna da dereita. Actualmente temos na capela o retablo que foi da Virxe das Mercedes, obra do século XVIII.

IMG 8308

No século XIV,  concretamente en 1498, Sancho Sánchez de Ulloa, coa pedra do castelo derrubado durante a revolta irmandiña, decide reconstruír a igrexa do convento en lembranza da súa mai Inés de Castro. A dirección da obra será a cargo dos mestres Xan do Llano e Xan Casal. O resultado foi unha igrexa de ábsida rectangular con bóveda de crucería. Desta época tamén son os dous sepulcros laterais góticos. Trátase de dous cenotafios in memoriam de Leonor de Mendoza e Inés de Castro, primeira e segunda muller respectivamente de Lope Sanches de Ulloa. Os dous sepulcros érguense con columnas e arcos de medio punto que se adornan con pináculos e remata en arco conopial.

GOPR0787

GOPR0774

As figuras visten o hábito franciscano, con rosario nas mans e panos formando grandes pregas. Na fronte de ambos os sepulcros figuran inscricións xenealóxicas destas dúas damas da nobreza galaica, que tiveron un protagonismo salientábel na Idade Media.

Durante o século XVIII, como en case todos os mosteiros, realizanse reformas de ampliación na igrexa. Unicamente ficarán a capela lateral do século XIV e a capela maior do século XV. Ampliarase a nave coa construción dunha nave de canón, que se reparte en catro treitos separados por arcos faixóns que arrancan de ménsulas conectadas por arcos entre si.

GOPR0794

Deste momento tamén é a portada principal da igrexa, que está nun lateral, cara a praza, e que ten características do barroco compostelán desa época.

A torre, tamén do século XVIII, é de planta cadrada, con lixeiros contrafortes e remate en cúpula oitavada con pináculo. O seu perfil é semellante ás de San Francisco en Santiago de Compostela.

IMG 8903

No seu interior, no altar maior, temos un magnífico retablo barroco, obra de Francisco de Castro Canseco, un dos grandes escultores do barroco galego da segunda metade do século XVII e principios do XVIII, quen tallou, entre outros, o impresionante retablo maior da igrexa de San Paio de Antealtares en Santiago de Compostela. O retablo melidao foi esculpido por volta de 1960. O corpo principal presenta no seu centro unha fornela de arco de medio punto, flanqueada por columnas salomónicas con decoración tipicamente barroca de racimos e follas, e imaxes de San Francisco e Santo Domingo. A Inmaculada, que preside o conxunto, é unha obra posterior, de finais do século XVIII.

AltarParroquial2

AltarParroquial

Na parte central do ático aparece unha representación do relato de Pentecoste e no recadro posterior o escudo da orde franciscana.

Sobre o chan do retablo agóchase a tumba medieval de Fernán Lopes, fundador do convento. O retablo oculta unhas pinturas murais do século XVI.

Alén do ratablo barroco da capela maior, temos outros dous retablos de estilo Neoclásico interesantes: o da Virxe das Dores e o dedicado a Xesús o Nazareno.

IMG 8292

Outras pezas escultóricas salientábeis que a igrexa posúe son un Neno Xesús tallado en marfil, do século XVII, de estilo hispano-filipino, que procede da capela da Obra Pía de San Antón, e a coñecida como a Verónica de Melide, tamén procedente da mesma capela, atribuída a Francisco de Castro Canseco

IMG 8295

Tamén se conservan outros sartegos medievais ademais dos góticos da capela maior. Entre eles salientar o de Alfonso Váquez de Insua, do século XV, situado na antiga capela de Santa Catarina, onde hoxe se encontra o retablo de Xesús Nazareno.

 

GOPR0774
GOPR0784
GOPR0787
GOPR0794
IMG_0583
IMG_8265
IMG_8269
IMG_8273
IMG_8279
IMG_8284
IMG_8290
IMG_8291
IMG_8292
IMG_8294
IMG_8295
IMG_8296
IMG_8298
IMG_8896
IMG_9693
IMG_9696
IMG_9699
IMG_9702
IMG_9705
IMG_9706
IMG_9707
IMG_9708
IMG_9710
IMG_9711
IMG_9712
IMG_9713
IMG_9716
IMG_9722
IMG_9723
IMG_9724
IMG_9725
IMG_9726

 

 

GFacebookTwitterYoutube